|
HISTORIA: DA CELTA ABÓBRIGA AO BURGO MEDIEVAL DO AVIA
"Se a historia é a túa paixón, Ribadavia é o teu destino"
Ribadavia, vila hospitalaria, foi testemuña da presencia de numerosos pobos e civilizacións que dende tempos remotos colonizaron este territorio debido á súa privilexiada situación e hábitat. Proba delo son os valiosos restos que se atoparon nas inmediacións da vila correspondentes á cultura celta e romana.
Lembranzas do pasado: Fai máis de 2000 anos Ribadavia e a Comarca do Ribeiro eran un territorio en mans dos celtas. Debido á alta importancia da Comarca, suxestiva e atraínte non só polos encantos da súa fermosura senón pola feracidade do seu chan, polas minas dos seus montes, polo ouro dos seus ríos e polas condicións minerais e termais das súas augas, foi esta unha zona moi habitada dende os tempos remotos. Íberos, celtas, fenicios e romanos contribuíron a derenrolar e humanizar a Comarca deixando sinais e restos de grande importancia en case todas as parroquias do Ribeiro. Os celtas que construíron os seus castros en Ribadavia, San Vicenzo, Man da Moura, San Trocado, Lansbrica, Eira de Mouros, Lapela, Beade, Chan da Moura, Santa Marta, Castrelo de Miño...deixáronnos o nome do río Avia e moitos restos das súas construccións, aparellos e xoias depositadas nos nosos museos.
Tamén os romanos se asentaron na zona, extraendo seguramente o ouro do Miño e aproveitando as grandes características termais da zona, deixando así u importante legado (calzadas, moedas, aparellos domésticos e de culto, lavadeiros de ouro...). Ribadavia é identificada por moitos autores como a Abóbriga Da que fala Plinio.
Dise que grazas á presenza romana debemos a existencia de viñedo na nosa zona.
Tamén os Visigodos deixaron a súa impronta, curta pero relevante, xa que según algúns estudiosos acuñaban moeda en Francelos. Historia do Burgo "In Rippa Avie": Xa en tempo de cristianos, en concreto entre os Ss. VIII-XII, prodúcese o despertar da Comarca, ligado sobre toso aos mosteiros de Valparaíso, Barcena, Arnoia, Castrillo, Gomariz, san Clodio...e ás numerosas fortalezas que se asentaban en toda a Comarca: San Xés, Novoa, Pena Corneira, Castro de Miño, Castro de Veiga, Orcellón, Roucos, Cabanelas, Castro Covadoso e La Mota, polo que O Ribeiro era coñecido na S.X co nome de "Territorio de Castela"
Iníciase durante estes séculos o despegue agrícola. O Mosteiro de Arnoia concede o primeiro foro datado en Galicia a campesinos, converténdose toda a Comarca na adega do reino Astur-Leonés e Galego, xa que son numerosos os monarcas da época que sitúan os seus celeiros reais no "Territorio de Castela".
Pero é sobre todo a partir do S.XI cando o "Burgo in Rippa Avie" comeza a adquirir maior dimensión e protagonismo. Segundo a tradición, o Rei García situou aquí a capital do Reino de Galicia entre os anos 1065 e 1071. No século XII comeza a expansión demográfica e económica de Ribadavia potenciada polo poder monástico de San Clodio. Melón e Oseira e unida á producción e comercialización do viño do ribeiro. A esta época pertence o Fuero Real (protección e trato especial) que lle concede o rei Fernando II a Ribadavia no 1164.
Tamén prosperou na vila unha comunidade hebrea, agrupándose sobre todo na actual Rúa Merelles Caulla (antiga rúa da Cruz) e extendéndose seguramente pola Porta Nova, cegando a formar unha das máis interesantes xuderías de Galicia. Con fama de bos administradores e xestores, a súa principal actividade económica baseábase na administración de bens, o comercio e o desenrolo de oficios artesáns.
No ano 1375 Enrique II de Tratámara sitúa neste burgo a Don Pedro Ruíz Sarmiento nomeándoo Señor de Ribadavia e Adiantado Maior do Reino de Galicia. Iníciase deste xeito a presenza dos Sarmiento nesta vila e a condición de Ribadavia como vila señorial perdendo a súa condición de vila realenga.
O dominio dos Sarmiento verase reforzado en 1476 ao instituirse o Condado de Ribadavia en mans de Don Bernardino Pérez Sarmiento, privilexio concedido polos Reis Católicos como pago pola axuda na Reconquista.
O escudo dos Sarmiento, formado por trece bezantes de ouro, aparece esculpido en numerosos edificios civís e relixiosos de Ribadavia e do Ribeiro, e incluso de España xa que ao emparentar con familias nobres de España adquiriron maiores posesións e títulos, sobre todo en Castela.
Medraba neses tempos a vida e a producción do viño, contribuíndo co seu comercio ao aumento da riqueza da vila e á súa prosperidade. No S.XV comeza a época de maior esplendor para Ribadavia e O Ribeiro sendo os Ss. XVI e XVII os máis esplendorosos. Tanto a nobreza como a fidalguía e o clero extenderon os seus brazos por toda a Comarca do Ribeiro e a comercialización do viño acadou elavadísimas cifras, deixando unha riqueza considerable no lugar e convertendo este territorio nun dos máis prósperos de España debido á exportación do viño do Ribeiro a Inglaterra, Italia, Flandes, Alemaña e outros lugares reputándose así entre os mellores de Europa tal como descreva Cervantes na súa obra "El Licenciado Vidrieras" ou o Licenciado Molina na súa obra " Descripción del reino de Galicia" cando se refire a Ribadavia como "la madre del vino en quilate subido".
Corría nestes séculos un verdadeiro río de ouro que contribuiu á prosperidade e riqueza desta comarca, froito da cal se conservan hoxe grandes edificios históricos que existen en case todos os pobos do Ribeiro e en moitas cidades de Galicia que viviron e se enriqueceron da súa venda. Non existía en Galicia mosteiro, convento, cabildo nin casa nobre que non posuíse viñas e casas cos seus respectivos lugares lugares no Ribeiro, dado o alto prezo que acadaba este caldo nos mercados do país e en toda Europa. Este viño, moi apreciado en medio mundo, fixo que Ribadavia emerxese como unha das vilas máis prósperas e señoriais da historia de Galicia.
Os ingleses enviaban corredores ás adegas do Ribeiro e o viño era cargado abundantemente nas flotas que se dirixían a Inglaterra, Francia, Escocia, Flandes, América e incluso para abastecer á tripulación da Armada Invencible. Só a posición belixerante e os problemas relixiosos con Inglaterra crean unha ruptura comercial con este país, que era un dos principais consumidores de Ribeiro na Europa.
Ribadavia, testemuña e símbolo privilexiado da bonanza do Ribeiro, é boa mostra dun pasado glorioso e da historia dunha comarca que ten no viño a súa razón de ser, un producto de alta calidade situado entre os mellores caldos blancos do mundo, e a súa fama universal levou o nome de Galicia ás mellores mesas durante moitos séculos. 
|