|
RELACIÓN DE MONUMENTOS DE INTERESE
-Casa da Inquisición (S.XVI)
A coñecida popularmente como Casa da Inquisición é un artístico edificio do S.XVI no que a fachada recrea os escudos das familias que na vila estaban ligadas ao Santo Oficio: Puga, García Gamba, Bahamonde, Santo Oficio e dos Mosquera Sandoval. Un importante "familiar" da Inquisición na vila foi Don Pedro Vázquez de Puga, do cal se atopa a súa sepultura na Igrexa de Santo Domingo.
-Igrexa de San Xoán (S.XII)
De estilo románico, dita parroquia pertenceu aos cabaleiros da Orde militar e hospitalaria de San Xoán de Xerusalén. Os cabaleiros desta orde estableceron un hospital na vila para atender aos numerosos pelegríns que naqueles tempos, seguindo o camiño dende Braga, dirixíanse a visitar o sepulcro do Apóstolo Santiago.
Situadao na Rúa Salgado Moscoso, este hospital funcionou ata o século XVI, hoxe é sede do Consello Regulador do Ribeiro.
Na Rectoral, onde na parte superior da porta se pode ver a cruz labrada de 8 puntos (símbolo da orde), atópase unida á igrexa pola parte traseira.
Este templo destaca pola rica e variada decoración románica presente en canzorras, fiestras e portas. No seu interior destacan: a bóveda de medio cañón, o retablo barroco de San Miguel e a imaxe da Virxe das Angustias.
-Igrexa e convento de San Francisco (S.XVII)
Este conxunto de estilo barroco pertence á orde dos franciscanos. A súa presencia na vila remóntase ao S.XVI. A construcción do templo conventual (fundado baixo a advocación de San Antonio) foi rematada no ano 1610. Os frades foron exclaustrados no 1835 (desamortización) e volveron ao convento no ano 1915. No edificio anexo á igrexa atópanse os escudos dos Sarmiento, Mendoza e a Orde de San Francisco. Dentro da igrexa existen varios retablos, sobresaíndo o retablo maior (de estilo barroco, século XVIII). No ano 1818 chegou a ser a terceira comunidade en número de frades dos conventos franciscanos en Galicia.
-Igrexa de Santa María de Oliveira (S.XII)
Foi fundada en 1164 e doada por Fernando II ao Mosteiro de Oseira. É de estilo románico de transición, conservándose en bo estado a orixinal fachada cun rosetón de gran calidade artística. Está rodeada por un atrio onde se daba sepultura aos feligreses ata a construcción do cemiterio municipal (S.XIX.). No seu interior existen varios retablos e figuras dos Ss. XVII ao XIX.
Castelo dos Condes de Ribadavia (Ss. XI-XV)
Debe de ser unha das maiores fortalezas medievais de Galicia, foi construída na seguunda metade do S.XV ao instituirse o Condado de Ribadavia na persoa de Don Bernardino Pérez Sarmiento.
A porta da entrada principal, defendida por cubos de almenaxe voladizo, consta de arco semicircular e porta corredeira sobre a que campan os escudos dos Sarmiento e Fajardo. No interior pódense ver enterramentos antropoides escavados en roca viva do S.IX, así coma un sepulcro do S.XII, únicas testemuñas da capela de San Xés que se atopaba alí situada. Pódense tamén observar os restos da lareira, varias fiestras e portas, xardíns e depósito de auga. O castelo abandonouse sobre o S.XVII cando se construiu o Pazo Condal na Praza Maior.
-Igrexa e Convento de Santo Domingo (Ss.XIII-XIV):
Declarado Monumento Nacional no ano 1931.
Foi o segundo dos conventos dominicos establecidos en Galicia. A igrexa, de planta basilical constitúe un dos mellores exemplos do Gótico mendicante en Galicia. Posúe unha boa colección de capiteis historiados con motivos vexetais, animais e xeométricos, así como fermosas mostras do arte sepulcral dos Ss XIII ao XVI e varios retablos e imaxes dos Ss.XV ao XVIII. Na fachada principal da Igrexa atópanse os escudos dos Sarmiento, o real de Castela e León e o de Frai Alonso de Cusanca. En canto ao Convento, foi obxecto de importantes reformas ao longo dos séculos. Dende 1299 funcionou como casa de estudos, contaba con cátedras de Teoloxía Moral e Gramática, sendo un dos conventos máis activos de Galicia. No S.XIX. coa desamortización suprímese unha parte do convento contiguo á igrexa, destinando o resto de edificios á residencia de anciáns. Aínda que foi fundado baixo a advocación de Santa María de Valparaíso, a partir do S. XVII comézase a venerar á Virxe do Portal, fundando ao lado do Convento a Capela da Nosa Señora do Portal.
-Capela da Nosa Señora do Portal (Ss.XVII-XIX)
Singular obra dos Ss. XVII-XVIII adicada á patroa de Ribadavia e do Ribeiro (no S.XVI ubicábase no mesmo lugar a ermida de Santa María de Valparaíso). No interior do templo destaca a bóveda e o fermoso conxunto formado polo retablo barroco (feito en madeira de ciprés no 1737) co altar da Virxe e o descendemento. A fachada da capela construiuse no ano de 1875 (neoclásico).
-Capela de San Lázaro (S XII)
Esta capela é a única testemuña da antiga leprosería fundada a finais do S.XII polo mosteiro de Melón. Dita leprosería funcionou ata principios do S.XVIII. Posuía un cruceiro que en 1902 foi trasladado ao cemiterio municipal. A capela presenta no seu frontón o escudo abacial do mosteiro de Melón.
-O Barrio Xudeo (Ss. XII-XVI)
Segundo a tradición os primeiros xudeos instaláronse en Ribadavia no S.XI , cando Don García escolleu Ribadavia como capital do Reino de Galicia no ano 1063. Moitos xudeos atopáronse encargados da xestión dos asuntos financieiros do Reino e posteriormente do Señorío e do Condado de Ribadavia. Cando os Reis Católicos promulgaron a orden de expulsión dos xudeos en 1492, algúns marcháronse pero moitos convertéronse ao Catolicismo (dos cais grande parte fixérono só de portas para fora, mantendo as súas crenzas e pácticas relixiosas de maneira clandestina). Ambas comunidades (xudía e católica) contribuíron de forma decisiva á prosperidade económica da rexión (sobre todo nos séculos XIV e XVI). Os xudeos especializáronse na administración de bens e rentas así como na comercialización do viño (sempre potenciada pola monarquía e a nobreza liaca e eclesiástica). Na vila de Ribadavia, a comunidade xudía vivía na rúa chamada na actualidade Merelles Caulla (Rúa da Cruz antigamente ), extendéndose a súa presenza, pero xa de xeito secundario, á rúa da Porta Nova. Despois da variedade de hipóteses en torno á existencia e ubicación dunha sinagoga en Ribadavia, os estudos da historiadora Mª Gloria de Antonio Rubio lanzan luz sobre esta cuestión: a sinagoga ou "Casa de Reunión" ( en lugares onde a comunidade xudía era pequena en número, as reunións para o culto e oración levaríanse a cabo na casa do que faría función de guía espiritual da comunidade,) estaría ubicada na rúa da Xudería (rúa Merelles Caulla), nunha das casas que facían esquina coa actual rúa San Martiño. -Igrexa de San Xés de Francelos (S.XI)
Está situada na veiga vitícola de Valparaíso, na parroquia de Francelos, a 1 km de Ribadavia.
Declarada Monumento Histórico Artístico en 1951, a capela de San Xés trátase dunha edificación de carácter popular reformada no S.XVIII pero con elementos constructivos reaproveitados da primitiva edificación monástica prerrománica, con existencia documentada nos Ss. IX-X.
A fachada é o máis destacado, posúe un gran valor histórico-artístico pola calidade dos seus elementos, baseados na tradición artística asturiana e no mundo tardorromano, con influencias mozárabes. No subsolo localizouse unha extensa necrópole de época alto-medieval coincidindo a súa cronoloxía con outra necrópole excavada no Castelo de Ribadavia. <<
anterior

|