RIBADAVIA E O ESPÍRITO DO PRIOR. "PASO A PASO"
"Paso a Paso”
"UN PASEO SUXERENTE"
O percorrido pola Floravia de Otero Pedrayo debe de iniciarse no Pazo Condal (Oficina de Turismo) da porticada "Praza Maior", baixar logo cara a Porta Nova e visitar as vellas murallas.
Perderse polas rúas e rincóns típicos da Floravia, como fixo o espírito do Prior e o seu criado no libro "O desengano do Prioiro" de Otero Pedrayo, é unha encantadora experiencia que nos levará ás prazas porticadas da Madalena, de García Bonete e de San Xoán, onde nos esperan os templos da Madalena, Santiago e San Xoan. Acompañados de nobres edificios coma o Pazo dos Bahamonde (Museo Etnolóxico), a Casa da Inquisición e todo un conxunto arquitectónico de carácter tradicional. Existen varios miradores con fermosas perspectivas do río Avia, unha coa vella ponte de San Francisco e o convento franciscano de San Antonio sito na marxe esquerda do río Avia, e outra coa paisaxe vitícola da Foz, moi perto xa do fin do Avia, que dende o seu nacemento en terras de Avión fertiliza viñedos e amansa a paisaxe, morrendo feliz mentres entrega o seu corpo ao gran Miño na vella Floravia. Na parte superior da vila agárdanos unha das mellores mostras do gótico mendicante galego, a igrexa conventual de Santo Domingo, acompañado polo exconvento e a igrexa adicada á virxe do Portal (Patroa do Ribeiro).
Despois de ter visitado a igrexa románica de Santa María de Oliveira (antigamente propiedade dos monxes de Oseira) e o ancián castelo que pertenceu aos condes de Ribadavia, é obrigado disfrutar dunha botella do mellor viño do Ribeiro, tal como fixeron Cervantes, Otero Pedrayo e Felipe II, acompañado das famosas rosquillas e amendoados de Ribadavia e da repostería hebrea máis artesana.

|